Arquivo de Febreiro, 2007

h1

Ser ou non ser.

Febreiro 28, 2007

Ó pobre Hamlet fixérono dubidar moitas veces xa que poucos e poucas o comprenden, e el que se deixa coñecer coas súas reflexións e actos, no consegue que vexan o que é, e non o que din que é…desdichado Hamlet, aínda encima de ter que sufrir os avatares de tantas traxedias, os actos ca túa moral tacha de indignos e afunden en ti igual ca ponzoña que che ha de matar, vai a xente e te percibe coma unha persoa que dubida, chea de una irracional tolemia…”Ser ou non ser, esa é a cuestión”…e teñen o atrevemento de dicir que estás a dubidar!…ai, se eles e elas souberan o inevitable paradoxo que entra pola túa cabeza neses intres, do que estás tan seguro…consciente es de todo, racional e apaixonado nos teus cometidos, incluso intuíndo cal serán as consecuencias dos teus actos, cotexas, observas e razoas facéndote mil preguntas e actúas, mais non dubidas por un momento a onde queres chegar…e te chaman tolo, quizais sexa ca cordura da consciencia é o achegamento a tolemia…asesino?..si por suposto, e máis consciente que moit@s co son de profesión, mais aínda cos teus actos non sexas xustificables para a miña moral, teño que recoñecer que fanse cordos na mente túa, pero o sinto non podo compartilos.
Vésete rodeado en miles de escenarios, repetindo e repetindo as mesmas frases, en linguas diferentes…os mesmos actos, as mesmas palabras, mais todas son tan distintas, en moitas a xente confúndese e logo fala de ti, da “dubida de Hamlet”, que nada ten que ver co que sentes e penas…acaso non escoitan as túas palabras?…acaso non ven os teus crueis actos como froito da lucida razón marcada ferventemente pola túa moral?…acaso non ven honra, decisión, nobreza e cordura a cada verbo exclamado?…no canto de tolemia, indecisión, inconsciencia ou maldade?…acaso non ven que buscas “Morrer, durmir…non mais”…a paz, a ansiada paz que buscan os corazóns que en pena marchan o seu camiño?
Querido Hamlet, compréndote, entendo que cada día que pasa esteas máis triste, que te sintas incomprendido… sei que e difícil pero ti deberías estar xa acostumado a tales cousas, aínda que, o mellor nin os séculos fan que un se adapte… sei o que é que vexan en ti o oposto ao que intentas mostrar, sei o que doe e o inxusto que é, pero se te sirve de consolo, non es o único, e sempre hai alguén que quererá verte tal e coma es.

null

h1

Posibilidades

Febreiro 26, 2007

Hoxe as probabilidades de chuvia no norte son moi baixas, alternaran as nubes e claros…e logo vai e che neva. A vida parece ser un continuo ir e devir de posibilidades, polo menos a vida que nos inventamos…teño moitas posibilidades de que me contraten a semana que ven… que poucas posibilidades tes con esa rapaza!…non hai posibilidades eles teñen mellor equipo…as seis e medía estou alí! (isto sempre é probable, non?)…que pouco adiviños e adiviñas somos, todos son posibilidades, non hai certeza alguna…se maña vou ir a clase?, pois non sabería dicirte, hoxe me apetece pero quizais maña pola maña cando esperte non teña o corpo nin a cabeza para erguerme, é que non sei como vou a estar dentro dun segundo, un minuto, unha hora…un maña, comigo mesmo….o mundo é unha esfera…si?…foi plano, redondo, por capas…e nada, cando nos non existiamos, nada era, porque non existían as nosas mentes que ven as cousas a súa maneira e tanto cambian de opinión…maña poderemos ver o que hoxe non vemos…como agora vemos o que hai séculos non se podía ver, e o mundo trocou e trocara de forma…pero para, estoume a por demasiado metafísico filosófico, en fin algo pedante para estas horas…e isto vai de posibilidades e as posibilidades de aburrir son altas..como dicía, somos ben malos e malas adiviños e adiviñas, nada sabemos con certeza algunha, aínda que na nosa cabeza teñamos miles de certezas, e incluso se maxinamos e pensamos, nada sucede tal e como pasa no noso maxín…porque o final entre sol e auga, vai e che neva. O único que podemos facer é intuír, e as veces acertamos e outras nin dándolle mil voltas o asunto.
So sabemos unha cousa con certeza, unha soa que nos fai ser neste planeta, os supostos únicos coñecedores do noso final, e mentres polo camiño a pensar posibilidades do desenrolo do noso conto chamado vida… unha ultima paxina que leva escrita o titulo e que fainos sentir os seres máis tristes de todo este planeta…si claro, falo da morte… ca maioría non desexa, e que a outros e outras lles fan desexar. Pero aquí estou, e maxino as posibilidades, miro pola xanela e outeo as nubes, non chove, pero está gris o día así que non prometo nada, e máis sabendo que esta maña andaba a caer auga do ceo…posibilidades de chuvia altas, posibilidades de morte, o tempo non volta, crecen cada segundo… posibilidades de sorrir hoxe…haber como ven o día.

null

h1

Quero escoitar os vosos pensamentos.

Febreiro 22, 2007

Sempre estou a falar de escoitar, de sentir, de compartir, y esta vez decidín facelo tamén dende aquí. ¿Quen as escoita?, nace a partires de Palabras, palabras, palabras, por idea dunha amiga, e igual co seu irmán en castellano, abriuse co fin de compartir, de comunicar ideas e que vos non so poidades identificarvos con elas (sempre de forma positiva), gozar cas historias, reflexións, poesías…pero ben, de todas formas todo isto o digo en Palabras, palabras, palabras, y que de tales pensamentos faise participe este blogue.
Para abrirvos mais oco as vosas opinións, decidín abrir unha especie de xogo certame literario, tanto en castellano (Palabras, palabras, palabras) como en galego (¿Quen as escoita?) e dividido en varias categorías. (Ver paxina Xoguemos!, categoría Infórmote)
Os premios, en fin, no esperedes moita cousa, so a publicación dos textos gañadores neste blogue ou en Palabras, palabras, palabras… xa sei que non e moito, pero e o único que podo ofrecer, o meu cometido non é a competición, se non o feito de compartir vosos pensamentos, vosa literatura, vosas palabras…unha grata forma de enriquecernos todas e todos.
Sen mais preámbulos deixo as bases e información en “Xoguemos! de Infórmote”, a súa vez na homóloga categoría de “Palabras, palabras, palabras”, para os e as que esteades interesados e interesadas en escribir en castellano.

h1

Nus

Febreiro 19, 2007

Camiño entre toxos e silvas, en dedos púas crávanse ficando quedas, no silencio de unha dor non localizada que remata latexando o mesmo ritmo co corazón. Pes nus recollendo terra e po, auga e fresca herba, ponzoña de plantas traizoeiras, afiadas pedras difícil de sortear que en camiño se me cruzan, mais nus seguen a camiñar, procurando a nudez de pes amigos tisnados de barro e durmideiras, pinchos e alecrín, suor, sangue e bagoas de ledicia e tristura que compartir. E pel deixa ver noso ser, sen disfrace, sen coiro e cordón que tapen o libre movementos dos dedos, armónico, compas de infinitas lembranzas de pasos, e soños escintilantes nas novas andadas.
E mil pes topar, de chan e carne agarimándose, que rancor non vivan, nin de vinganza alimente as pegadas, que enchan prados, chairas, montes mares e ceos da sinxeleza dunha aperta, da engaiolante luz dun lume quecido con libres mostras de tenrura, da melancolía dun Sol que marcha con cada noite para que cada seguinte maña revivan paixón e ledicia. E pes desconfiados nada deberes temer, nus van os meus, calzados en bota longa de pel e pelo, de brandura e estremecemento, a razón dun vento que agarima e bate neles, e males non vos queren, mais achegádevos, sen mais desexo que compartir palabras, tacto e secretos misterios que vagan nas engurra dos talóns, olladas de liberdade con uñas diferentes, sen mais posesión cas nosas propias pegadas.
Palpade cun dedo baixo o meu barro, que pinchos e petalos en pel cravados agocha, e vede que nada malo debedes pensar, de paixón se enchen os meus poros, de medo, e liberdade, de dor, e millóns de luces agasalladas, de ti, de min, de nos, de vos, de eles e elas, dun mundo, de tantos mundos…e mais se odio quixo calzarme no inverno, agora a neve rexuvenece as miñas dores, seca o meu barro que escacha e fica para sempre nunca pegada xa dada, adormece dores de toxos, conserva ulir de flores, e cando a primavera chegue saciara a miña sede para co verán seque as bagoas que queden e outono alfombre o camiño de follas que con dedos libres de esquecidas lembranzas, agarimar unha vez mais.

null

h1

Mea Culpa

Febreiro 15, 2007

Intento romper xeos imposibles, de odios infundados que eu mesmo levei comigo, que provoquei e me invadiron incosciente, de equivocas absurdas que leva o tempo ou que acompañan para sempre, perdendo a oportunidade de compartir, morrendo no futuro sen volta atrás. O medo me atrapa, de non saber, de pensar que son pensado do revés, de sentimentos que non levo, de sensacións que so sei eu. Mais entendan as miñas palabras como queiran, aquel@s que de min fuxan non verán mais co que queren ver, o igual que @s que a min se achegan, sen pensamentos estraños que recoller, sen ver consciente maldade no meu ser… fun odioso espírito, de rancores malditos, de prantos que dende neno arrastro e moito acazapei no mais profundo de min, de gritos absurdos o ver inxustiza e ruindade, de silencios eternos agochando apertas e bicos que alguén desexou de min, tantos…tantas…dano fixen, sen a conciencia xogando a tal macabro xogo, rancores, odios, medo e a protección movían motivos caóticos.
Remendo os meus erros con confusión, mexido na desesperación de sentir que perdo parte da miña ialma, son gritos de tolería, do cariño extremo que podo sentir, da miña verdadeira paixón non entendida, e que con tan medo gardo. Demasiada confusión nun mundo que entende de amores pactados e posesivos, de guerras sen dialogo que inventan motivos, armas de destrución masiva que non existen e que algúns creen, noticias terroríficas que nos fan crer o malvados que somos, mentiras, bolas que crecen e crecen e se fan meteoros dispostos a aniquilarnos, motivos, motivos, motivos que un tras un preguntan sobre a mentira do anterior, para dar resposta equivoca que será preguntado polo seguinte…e así nos fan, véndonos nas nosas pequenas cousas que nos fan existir e non saen nas noticias, percibindo coma nos ensinan que somos….terror, terror, maldade, maldade, o ser humano…maldade, terror, terror, terror…non te fíes…non te fíes…non te fíes….se forte….machuca…machuca, machuca, machuca….non te fíes, non preguntes…sempre hai un razón malvada para facer algo, non te fíes…aprovéitate, humilla, humilla…non te fíes…non te fíes…non…me…fío.
Parte de todo isto son, e vexo tanto na humanidade apesares de todo, en sorrisos cos que me agasallan, empatía na miña tristeza…as veces un estás ben?, é cura de doenzas. Xestos de humildade e perdón, de verdadeiro cariño tan difícil as veces de atopar, de xustiza sen vencedores, en ollos tímidos e melosos, en agarimos delicados coma murmurios vergoñentos…máis non consigo encher a miña esperanza.
Aínda que sinceramente a culpa so pode ser miña, por velo desta forma.

null

h1

Memorias dun Porco

Febreiro 9, 2007

Este texto foi publicado no primeiro blogue que tiven, xa fai un par de anos disto, mais ou menos, aquí volo deixo, novamente, algo modificando, pero o mesmo na súa esencia.

Os seres humanos son uns cochos, sempre ciscando o lixo por acó e acola. Deberían chamarse coma se dignaron a nomearme, ó seu carón son a divindade da limpeza e a pulcritude.
Si, xa sei que nós, os porcos, estamos todo o día a remexernos na nosa propia merda. Pero eu pregunto…Que mal estamos a facer con iso?, acaso contaminamos en demasía?
Si, un pouco de metano, pero nin a sombra do que expulsan eles por diferentes tubos de ferro e formigón. Teñen tanta presa por chegar a ningures que están a acabar co planeta ó ritmo dun cántico de guerra. Deberían festexar un San Martiño no que só participaran eles como prato principal!
O máis patético é que se creen cos demais somos parvos. Nin nos preguntan se estamos de acordo có seu sistema de vida, e logo temos que pagar as súas consecuencias . Se son os amos do mundo, que coño, que pregunten que é o que queren a os e as quen teñen que gobernar. Pero nada, a maioría deles so se digna a falar do seu mundo sen escoitarse entre eles, con continuas sandeces gravadas a ferro. Se lembran de nós cando teñen fame, algo que sucede a todas horas e que me estraña, as veces penso que teñen moito vicio e nin saben que son unha panda de adictos e adictas.
De tódalas formas grazas a todos aqueles (e aquelas) que de cando en vez fan algo por nós, especialmente os vexetarianos (vexetarianas tamén, que cando nomeo os seres humanos non fago excepcións de ningún tipo). Cando falo de nós refírome ó resto das especies que poboamos o planeta, que aínda somos moitos e empezamos a estar cansos.
Non critico para nada a quen nos come, é lei de vida e comprendo a perfección que necesitades as proteínas da carne, e polo que teño entendido a nosa é de excelente sabor (tampouco apetéceme comprobalo)
Pero poderiades controlar un pouco as vosas ansias de matar?, non é por mal, pero entre que, a morte que nos dades doe e a carne que vos sobra a tirades apesares de que moitos morredes de fame; dáme a impresión de co facedes con xenreira, e non creo que vos fixeramos nada malo. De tódalas formas, por se acaso, desculpade.
Ben, teño que despedirme, ese humano mangallón xa ven a por min coitelo en man. Polo menos deume ben de comer. Espero cos meus chourizos recaian en mans dos que máis o necesitan. Feliz vida a todos e todas, aínda que sexades seres humanos.

null

h1

Carta

Febreiro 5, 2007

Querida Anna.

Esta maña sentín o pulo de escribirte, xa fai meses que non sei nada de ti, e as respostas a preguntas sobre o teu estado son parte da miña imaxinación, que falta de mais datos non pode mais que percorrer tódalas posibilidades, mais seguro que me sorprendes, se atopo resposta a esta carta.
Eu non teño moito que contarte, xa sabes o reservado que podo chegar a ser, mais esta vez, e a falta de novidade a que me impide narrarte algunha anécdota divertida.
O outro dia estiben a pensar, non é común en min nos tempos que corren, mais no podía deixar cos meus miolos enlazasen recordos e predicións. Estaba na tenda do campamento (ultimamente non saímos dela) rebuscando entre as miñas pertenzas, cando atopei aquela foto que nos fixeramos en Bombai, no recordaba tela posto ai, e folga dicir que despois dos malos momentos que pasamos, menos desexaría tela tan preto, pero alí estaba, ben protexida, envolta consumo coidado na miña camisa vermella, esa que tanto te gustaba. Por moito que esganei as miñas neuronas, non conseguín comprender que facía alí, estaba seguro de que non era cousa miña, non recordaba tela deixado en tan estraño lugar, mais quizais as lembranzas núbranseme tan rápido como a conciencia neste terrible lugar.
Sabes ben que sempre crin na forza do destino, nas súas sinais para o que a de vir, mais non penso que ti me penses, eu xa pouco o fago, e as veces co fago, non da forma co facía ai un ano, e para ti xa fai mais tempo que deixei de existir, mais unha sinal así non se pode pasar en balde, por iso o vela, e sentindo o pulo, primeiro de rachala e logo de contemplala por un momento, entre doces recordar, souben que debía escribirte, e despedirme formalmente.
Esta guerra terminará ca miña vida, non sei se hoxe, ou maña, ou quizais pasado, pero un dia, unha bala cruzara ou meu corpo e deixarei de existir. A morte exclama gargalladas en cada recuncho destas paraxes, so son quen de agardar que nese momento non sexan para min, aínda que crueldade maior é ver morrer a quen xa consideras os teus amigos. Onte caeu Víctor, o meu curmán, seguro co recordas; non puiden facer nada por salvalo, apesares de ir o seu carón.
Non sei se antes da miña caída recibirei contestación, a túa despedida formal, mais é xa o único que agardo, xunto ca morte que espero saiba ser xusta e déixeme ler a túa carta, se é que decides contestar.
Sufrín, chorei, e morrín en vida por ti, ameite nun intre para logo deixar de quererte, mais nunca conseguín esquecerte, e nada do que fagas resucitara o que xa sentín, agora te aprecio polo que fuches, e mentiría se non desexo certo roce, mais non o namoramento que un dia nos separou, pero sei que mereces a pena, mercerías que compartise contigo unha parte de min que non leva a engano, nin a tolerías cegas que nos impedisen ver mas ala dos nosos ollos. Pero quizais tarden chegan as miñas palabras, e mais tarde chegarán as túas, penses o que penses, xa que a miña verdadeira morte anda a petar na porta, en forma de Xeneral que nos arenga a una nova batalla.

Se desta salgo seguirei agardando o teu adeus, e morrerei tranquilo. Agora déixote, voume agarrar o destino, quizais el desvíe as balas que veñen canda nos.

Sempre teu… Karl Devenue.

h1

Medo?

Febreiro 2, 2007

Medo?, o que corroe entrañas que non camiñan,
ateigadas de pensamentos en falacia esperta,
no albor das tebras circundantes de nosas ialmas,
que ateigamos cos lentos reflexos que nos separan.

Medo? O que ti ofertas i en min pos,
facéndome eco de reflexión crúa.
Que verdade fuxe por canles de cores,
e mentira fica no sino dos nosos ollos,
adurmiñando tempo de aproveitar,
pasos de ida sen trompetas finais,
de tumbas de carne, oso e mo
e doídas conciencias incompletas,
de vidas perdidas en odios dados.

Medo? O que xurde do silencio absurdo,
útero da desconfianza sen franco sentido
Saciando nosa sede de acostumados velenos,
que mexen a realidade, con verdades
opostas, infundadas con castigos inxustos
que non aprendemos a perdoar ca mudez.

Medo?O que rexeito cada día e volve a min,
atraído cos teus ollos de brilo desconfiado,
que ven o que ven ser ver o que podería ser
Xa que oídos de verbas desexan toda fuxida,
e feitos sen palabras, con rancor aderezando,
crimes sen crime suman no maldito caldo.

Medo? O que sen rubrica temos pactado.

null

h1

Solpor

Febreiro 1, 2007

A sombra dun solpor ateigado de morte bufaba incansable nos miolos de Leila, sabía con certeza o que ia acontecer, pero nada podía facer para trocalo. O fin estaba preto, tan preto que o seu corazón latexaba o ritmo de pálpebras confusas, paralizándose a cada tremor ou con continuas idas e fuxidas, mentres agardaba que aqueles retumbos chegaran.
Dende o alto do monte do Esquezo podía contemplar como a xente confusa, fuxía a fume de carozo sen mais destino que agocharse daqueles retumbos descoñecidos que como azar caprichoso, ou destino maldito lanzábanse o chou, dende un ceo escuro sen nubes. Parecía coma se o sol se apagara de súpeto, coma se todo fose escuridade, pero o astro rei aínda escintilaba mais ala dos ceos, entre esa capa de invisible escuridade, deixaba entrever a súa claridade como se dun día de néboa se tratase.
Ninguén sabia que pasaba, nin os científicos mais ductos nas materias podían dar unha explicaron a aqueles feitos, e menos aínda sabían do seu fin e as súas consecuencias. So Leila, alumeada por soños estraños que arrastrou toda a súa vida, coñecía a verdade, pero quen a ia crer si unha verdade é sempre mais inverosímil ca mentira, e esta pola súa índole sería tomada dunha tolería so escoitada por si mesma.
Castigo de Deus, dicían algúns, Un fenómeno meteorolóxico descoñecido, a contaminación,… todo tipo de hipóteses circulaban pola boca das xentes, e ningunha achegada a realidade. As primeiras explicacións dadas polos medios de comunicación calmaron os medos da xentes, hipnotizadas polas falsas verdades que coma valium se administraban en pequenas doses cada parte de noticias; pero aquela maña comezaran os retumbos, nun primeiro instante semellantes ós dunha tormenta, logo, coma miles de bombas invisibles estoupando por riba das súas cabezas.
Leila suspirou, e ollando cara o débil brillo dun sol que declinaba cara o horizonte, volveu suspirar.
- Adeus vello amigo.
Logo axeonllouse e con delicadeza agarimou unha follas de herba mentres as bagoas comezaban a facer aparición coma gotas dun orballo suave.
- Síntoo tanto miña naiciña, síntoo tanto que nunca sentín nin sentirei tanta dor no meu peito. ¿Agora xa nada se pode facer, verdade?…Pero os meus soños, ¿porque entón?…¿de que serviu avisarme con martirios de finais sen solución?
Un vento morno comezou a soprar, a curta melena de claro castaño deslizábase suavemente sobre a pel do seu rostro, agarimándoa con dozura nun baile máxico…Leila non puido mais que sorrir mexida polo mais natural dos agarimos da man dunha Xea que coma boa nai a consolaba na súa tristeza. Mentres Sol xa comezaba a escapar polo horizonte.
- A derradeira vez que te vexo, e hoxe marchas mais rápido ca nunca…¿Tanta presa tes por esquecernos?…ten que poder facerse algo…ten que…
- Leila!…Leila! – Xan corría cara ela coma un cabalo asustado, acurtando camiño entre traxectos de terra e herba – Leila! – Chegou canda ela e parouse un chisco para tomar un alento que precisaba sen dubida – Sabía que te atoparía aquí.
- Ah…es ti…Deberías estar a fuxir, coma todo o mundo.
- Para que, ¿serviría de algo?
- Os científicos…
- Os científicos, os curas e demais gaitas!…veña Leila, sabes tan ben coma min que isto non pinta nada bo, e menos dende esta maña…¿De onde veñen eses retumbos?
- Non sei, como vou sabelo.
- Claro xa me esquecera, é o que sempre dicías, ti nunca sabes nada.
- Xan, non son científica, nin cura, nin ningunha desas gaitas, se eles non che dan resposta, ¿Cómo poden pensar que eu a teño?…amais, levamos meses sen falar palabras e agora ves aquí, e…
- Lembras o día que durmimos xuntos – Leila asinte ca cabeza, sorprendida, adoptando unha postura defensiva.
- A quen ven isto agora?
- Ese día no podía deixar de mirarte, mentres durmías, imaxinándome o que estabas a soñar, e desexando que soñaras cousas bonitas…e esas cousas….xa sabes…
- Sempre fuches un romántico.
- Non empeces – Leila sorrille agradecida polo xesto sincero do rapaz, sentido como se a soidade que tanto a acompañou no seu camiño, neste o final dos tempos, desaparecese por completo por un instante – En fin…o que ia…que ese día, e dicir…esa noite, falaches en soños…
- ¿E que dixen?
- Moitas cousas – sorrille – pero entre tantas describiches todo isto, estes ceos, estes sons estraños, e o mais estraño é que o describiches dunha forma exacta…
- Coincidencias.
- No creo nelas, deberías sabelo, como eu ben sei que ti tampouco crees nelas.
Leila xirouse, contemplando novamente o solpor, mais da metade do disco xa se borrara no contorno da terra.
- Xa marcha.
- Quen?
- O sol, non te da pena?
- Maña volvera saír.
- E se non saíra nunca mais diante dos teus ollos.
- Os científicos din que a vida do sol…
- Ah!…agora lle fas caso os científicos.
- Maña volverá saír e vereino a menos que antes morra.
- A iso me refiro.
- Que?!…de que?!.
- Si, maña volverá saír, pero nos xa non estaremos aquí…agora che da mais pena que marche?
- Dóeme por nos, non por el, el é o que vai seguir aquí…que é o que esta a pasa?…todo isto é a fin do mundo?
- Do noso mundo, da maior parte das especies que habitamos hoxe en dia o planeta. Xea seguirá a traer fillos e fillos que conten a súa historia como nos contámola nosa, pero xa non estaremos aquí para velo, xa cumprimos o noso traballo e aquí remata a nosa andadura na historia de Xea…así de sinxelas son as cousas.
- O noso traballo?…Xea?…pero de que estas a falar?
- Sabía que era unha parvada contarcho.
- Non dixen que non te crea, se non, non estaría aquí, o problema está en que non entendo nin ostia.
- Xa é tarde para explicacións, cando marche o sol todo rematara de súpeto.
- Como?
- Non o sei exactamente, pero estou segura de que rematada para sempre.
Novamente contemplou o sol, xa desaparecera, pero a feble luz que escintilaba no mar indicaba que quedaban un par de minutos para que morrera o día.
- Entón…podo dicirte algo?
- Pero date presa! – a modo de broma, sorríndolle.
- En fin…non sei porque, pero agora, pensando…o que mais sinto de toda a miña vida é….que… perdín o tempo…co rancor e con…
- Eu…tamén…e sempre quixen pedirte…
O derradeiro raio de luz apagouse por completo, e con el chegou o maior dos retumbos, o temor dos galos facíase presente, nun ceo que esgarraba pedras de inmensos tamaños, detrás delas unha gran bola de lume acendía novamente os ceos cunha luz cálida que agasallou o mundo cun novo e nunca visto, solpor, que apertounos a todos e todas para sempre. Así contaron as vidas humanas dos que foron morrendo pouco a pouco, as historias de cando elas e eles camiñaban por agora o noso planeta, o noso fogar.

null

h1

Recollendo do recente…Catro tempos

Febreiro 1, 2007

Esta poesía xa está publicada en Palabras, Palabras, Palabras, o único texto en galego que publiquei nese blog. Aquí vola deixo.

Catro tempos
Asexando nun oco seixo
Catro tempos
Mentira, rancor e medo
Acurralan o derradeiro
na lisa pedra co ten preso.
Catro tempos
Retumban tres ouveos
Catro tempos
Eco da dor e desespero
Latexo dos doídos seixos
de mármore devanceiro.
Catro tempos
Treme o mais preguiceiro.
Catro tempos
Sen nome, ni sequera verbo
Semente de doces desexos
fuxefuxe co seu canso alento
Catro tempos
Asexando nun oco seixo
Catro tempos
Mentira, rancor e medo
Acurralan o derradeiro
na inútil batalla do Tempo.

null