Archive for Febreiro 9th, 2007

h1

Memorias dun Porco

Febreiro 9, 2007

Este texto foi publicado no primeiro blogue que tiven, xa fai un par de anos disto, mais ou menos, aquí volo deixo, novamente, algo modificando, pero o mesmo na súa esencia.

Os seres humanos son uns cochos, sempre ciscando o lixo por acó e acola. Deberían chamarse coma se dignaron a nomearme, ó seu carón son a divindade da limpeza e a pulcritude.
Si, xa sei que nós, os porcos, estamos todo o día a remexernos na nosa propia merda. Pero eu pregunto…Que mal estamos a facer con iso?, acaso contaminamos en demasía?
Si, un pouco de metano, pero nin a sombra do que expulsan eles por diferentes tubos de ferro e formigón. Teñen tanta presa por chegar a ningures que están a acabar co planeta ó ritmo dun cántico de guerra. Deberían festexar un San Martiño no que só participaran eles como prato principal!
O máis patético é que se creen cos demais somos parvos. Nin nos preguntan se estamos de acordo có seu sistema de vida, e logo temos que pagar as súas consecuencias . Se son os amos do mundo, que coño, que pregunten que é o que queren a os e as quen teñen que gobernar. Pero nada, a maioría deles so se digna a falar do seu mundo sen escoitarse entre eles, con continuas sandeces gravadas a ferro. Se lembran de nós cando teñen fame, algo que sucede a todas horas e que me estraña, as veces penso que teñen moito vicio e nin saben que son unha panda de adictos e adictas.
De tódalas formas grazas a todos aqueles (e aquelas) que de cando en vez fan algo por nós, especialmente os vexetarianos (vexetarianas tamén, que cando nomeo os seres humanos non fago excepcións de ningún tipo). Cando falo de nós refírome ó resto das especies que poboamos o planeta, que aínda somos moitos e empezamos a estar cansos.
Non critico para nada a quen nos come, é lei de vida e comprendo a perfección que necesitades as proteínas da carne, e polo que teño entendido a nosa é de excelente sabor (tampouco apetéceme comprobalo)
Pero poderiades controlar un pouco as vosas ansias de matar?, non é por mal, pero entre que, a morte que nos dades doe e a carne que vos sobra a tirades apesares de que moitos morredes de fame; dáme a impresión de co facedes con xenreira, e non creo que vos fixeramos nada malo. De tódalas formas, por se acaso, desculpade.
Ben, teño que despedirme, ese humano mangallón xa ven a por min coitelo en man. Polo menos deume ben de comer. Espero cos meus chourizos recaian en mans dos que máis o necesitan. Feliz vida a todos e todas, aínda que sexades seres humanos.

null